Reto superado !!!
Os nosos atletas acadaron a meta do “ The Speed Faros Project “
Cinco corredores, tres acompañantes e 200 kms de camiños a beira da costa da morte dende o Porto de Malpica ata o Faro de Finisterre.
As 00:00 tomaron a saída Manuel e Sandá, para romper o xeo e romper eses nervios que percorrían gran parte do corpo dos nosos atletas, unha noite escura de máis, cuberta polas nubes e a néboa, e baixas de última hora nos acompañantes, fixeron tomar a decisión de correr por parellas estas primeiras etapas nocturnas, o cal supoñía máis kms para cada un e polo tanto tamén menos descanso, pero a seguridade era unha prioridade.
No seguinte relevo agardaban impacientes Damián e Jordi, a ilusión en todos eles fixeron que o ritmo fose máis alto do esperado, non tardaron en chegar ao Faro Roncudo, alí agardaba un bo coñecedor da zona para tomar o relevo xa en Corme, sen tempo para degustar uns percebes Amador recollía o relevo, esta vez en solitario para ir ata Ponteceso, donde Manuel comezaba o seu segundo tramo, todavía con noite pechada, e aquí foi donde xa os primeiros síntomas de fatiga aparecían, e quedaban 14 horas por diante…
Sandá andivo a dar voltas polo Castro de Borneiro, quen sabe se atrapado polas pantasmas dos habitantes que alí viviron no Neolítico, ou buscando esa famosa vía de Ouro que unía o Castro co Dolmen de Dombate según conta a lenda.
Pouco antes do Dolmen xa estaba Jordi agardando e incluso desfacendo o camiño para atoparse canto antes co seu compañeiro e tomar camiño do cumio de Monte Castelo, xa era día e as vistas da contorna dende alí dan para recrearse un pouco.
Máis adiante Damián recollía a testemuña, neste caso a modo de reloxo, ou máis ben reloxos, xa que eran dous dispositivos GPS os que cargaban, máis o seu persoal para facer un trio de trebellos que non daba moito xeito cargar, pero para nada querían ter algún erro e mellor que sobren e non que falten.
Como curiosidade neste sentido, houbo unha diferencia de aproximadamente 2 kms no total dos kms recollidos por dous reloxos da mesma marca.
Damián chegou apretando os dentes pola area de Laxe, non é nada doado correr pola praia, pero neste Camiño dos Faros son moitos os kms que se deben percorrer nesta branda e movediza superficie.
Neste punto temos que apuntar que os nosos atletas estaban sen durmir dende a noite do Xoves, polo tanto o sono tamén facía aparición, nos momentos de descanso de cada atleta, algún intentou botar unha cabezadiña na espaciosa furgoneta que o bo de Marcial dende Gonzacar decidiu ceder para a ocasión, el xa viñera a coñecer algunha das etapas anteriormente, pero non era doado, a emoción e a espera da chegada dos compañeiros facían estar en contínua alerta.
Os cafés empezaron a formar parte da nosa expedición.
Foi Amador quen tivo o privilexio de vivir un de tantos momentos máxicos do camiño, xa que cando vas subindo sen parar ata o alto do Peñón de Soesto, de súpeto ábrese ante ti a inmensidade da praia co mesmo nome, nunha das vistas máis fermosas do camiño, eso si, Amador que sempre corre con zapatillas de asfalto, non o pasou moi ben nesta baixada con grandes rochas esbaradizas debido a choiva presente que facía acto de pesencia aínda que tímidamente.
A partires de aquí xa se uniron Elena e Nuria, e menos mal, xa que no próximo turno de Manu todolos ánimos e apoios eran poucos, estos días están sendo de moito traballo para el, a falta de descanso pasou factura e o ritmo baixou moito según o previsto a priori.
Alá seguiron os intrépidos atletas do Compos percorrendo máis e máis faros, atrás quedaran as Sisargas, Punta Nariga, Faro Roncudo, Faro de Laxe… e coa aura máxica de ter pasado por lugares como o museo de Man en Camelle, a praia dos cristais, monumento a espera etc.
Xa camiño de Camariñas Jordi non daba mostras de cansancio, era de todo o grupo, o que mellor se desenvolve na longa distancia, tras pasar por outro lugar emblemático como o cemiterio dos Ingleses, encarou o Faro Vilán, coa sua maxestuosa presenza e notando a dureza de ter que subir ao máis alto de Punta Esperillo, non quixo quedar ahí xa que o seguinte relevo estaba noutro alto, na Ermita da Virxe do Monte, dende aquí ata Tasaraño, a ruta era máis benévola ao seu paso por Camariñas, donde recibimos os ánimos dende varias casas de xente que sabía da nosa presenza, e como non, alí estaba tamén coa cámara en man, o incombustible JM Ferreiro, o reporteiro máis intrépido e dichararachero da Costa da Morte para deixar constancia gráfica do noso paso pola capital do encaixe.
A Bala de Bama estaba fresca como unha rosa, este homiño que viña de acadar o campionato galego máster dos 800 metros, facía kilómetros e kilómetros sen titubear, e alá pasamos un punto clave, na Ponte do Porto, xa que tiñamos a referencia de que o anterior equipo en intentar este reto, decidira rematar neste punto a sua experiencia, era un bo punto de referencia para nos, chegamos un pouco antes que eles, sobre 20 minutos, pero as forzas e os ánimos estaban case intactos, e nese momento foi cando vimos con máis claridade que nunca que chegariamos a Finisterre fora como fose.
Según nos achegábamos ao destino, a presenza de Damián foi gañando poder, e xunto a Jordi, foron botándose enriba tramos que a priori non tiñan asignados.
Antes de chegar ao Faro de Touriñán, Amador tivo un dos seus peores momentos, i é que despois de Muxía, a subida ao monte Cachelmo é un punto de inflexión nesta ruta. Ademáis o noso atleta, experto en nutrición deportiva, decidiu facer toda a ruta sen probar alimento,en xaxún dende as 23:00 da noite anterior.
Aquí tiveron moito que dicir os apoios, neste caso Bart, acompañado dun gran coñecedor da zona que nos quixo acompañar a partir dese momento, agardaron no cumio ao de Santiago, acostumado a gañar un sinfín de probas de asfalto na Costa da Morte, coñeciu de preto a outra versión deste litoral, por sendeiros donde o feito de camiñar xa era un reto debido ao gran desnivel, o gran Thierry Saloum tivo consellos profesionais que nos viñeron de perlas durante o resto da xornada.
O Monte do Facho agardaba impasible ante a nosa chegada, o ceo estaba cuberto, brindándonos ese clima excepcional para semellante esforzo, con todo, unha vez que Sandá chegou a Cabo da Nave, a expedición Compostelanista decidiu tomarse con moita máis calma o resto do camiño, parando incluso no último areal, Mar de Fora, a botar unha man a un turista que decidiu pasar alí a noite, tamén alí tiñamos ánimos e aplausos no último esforzo antes de coroar.
O último tramo ata chegar ao Faro de Finisterre, fixémolo todos xuntos, uns metros de emocións e satisfacción de ter acadado unha meta para a que houbo que sufrir e dar o mellor de cada un, pero donde o disfrute foi máximo, e quen sabe… terán gañas de repetir ? 😉
P.D: Non podemos deixar sen agradecer a toda a xente que nos mostrou o seu apoio constante por distintas vías, redes sociais, mensaxes, acercándose a saudar en persoa, medios informativos, compañeiros de club, a furgo de Gonzacar, as empanadas de Garcos, a hidratación e barriñas de Artio, as zapas de Amancio Deportes, frontais prestados por compañeiros de entrenos, ducha en Dafit, moitísimas gracias a todos eles !
Que experiencia tan bonita poder vivirla a vuestro lado….
Ahora solo me queda hacerla individualmente caminando y…con mucha calma….jeje