O Nadal volveu demostrarnos que, para a SD Compostela Atletismo, non existe a palabra descanso. As últimas semanas do ano estiveron marcadas por unha intensa actividade, con presenza do club en numerosas San Silvestres e probas populares por toda Galicia (e mesmo fóra dela), nun ambiente festivo, deportivo e moi familiar.
Na San Silvestre do Pino, destacaron as actuacións de Iago Mateos, que se levou a vitoria absoluta, e Carlos Carracedo, cuarto na clasificación xeral.
Tamén houbo representación na Carreira de Fin de Ano dos Concellos de Ares e Mugardos, coa participación de Suárez Leis, Juan Amigo e Conce Noya, nunha proba sempre moi concorrida.
O trail tivo o seu protagonismo no Trail Curto de Lousame, cunha excelente actuación colectiva. Julia Salvado foi primeira absoluta, Lucía Taboada venceu en sub18 e Xulia Vidal foi segunda na mesma categoría. Ademais, completaron a proba Roberto Salvado, André Rodríguez, Antonio Carneiro, Fernando Paz e Fernando Rey, nun percorrido esixente e moi atractivo.
Na San Silvestre de Neda participaron David Mellado, segundo na súa categoría máster, xunto con Juan Amigo, Conce Noya e Manuel Castiñeiras.
Especial mención merece a San Silvestre de Santiago, onde o club contou cunha amplísima representación en todas as categorías, desde escolares ata veteranos, enchendo as rúas de Compostela de camisolas do Compos e demostrando, unha vez máis, a forza do grupo e da canteira.
Tamén estivemos presentes na San Silvestre da Coruña, con Iván Solís e Amira Simón, mentres que Emilio correu a San Silvestre de Pravia (Asturias). En Ribadeo, a familia local estivo moi ben representada por Emilio, Rocío e Marta.
Josito estreou camisola do club na San Silvestre de Cerceda, cun gran tempo de 18’38”, nunha carreira na que tamén participou Andrea Cores. Pola súa banda, Alejandro Montero estivo na San Silvestre de Castrelo de Miño.
E para pechar o ano cun sorriso, na Carreira do Turrón de Negreira, proba non competitiva, os nosos atletas participaron disfrazados, sumándose ao ambiente festivo e colaborando coa iniciativa, demostrando que o atletismo tamén é convivencia, diversión e espírito de equipo.
Un Nadal máis, a SD Compostela Atletismo estivo presente en cada recuncho, sumando quilómetros, experiencias e momentos compartidos. Agora si, preparados para comezar un novo ano cheo de retos 🩵🤍





0 comentarios