Os eventos deportivos da fin de semana para a Esedé foron moitos e variados. Trails, carreiras de 10 quilómetros e medias maratóns, en todas as citas da xornadas puideron verse atletas compostelanistas gozando de facer deporte ao aire libre rodeados de compañeiros e amigos.
En Oroso, tivemos triplete de raíñas na clasificación feminina. Ainoa Gontán, Elena Veres e María Tarrío asinaron cos seus nomes na primeira folla da historia desta proba veciña que, agardemos, teña un percorrido tan fructífero como fermoso é o seu percorrido. Toñito Pardiñas foi outros dos protagonistas branquiazuis, acadando o terceiro posto da clasificación masculina. Entre os atletas citados en Oroso na proba absoluta de 10 quilómetros estiveron: Antonio Vázquez, Jesús Barral, Laureano Varela, Luis Míguez, Iván Solís e Juan José Alvarellos. Nas probas para cativos tivemos a: Xan Vilas, Pepa Bernárdez, Rosalía Varela, Breo Abel, Claudia Castro e Xeila Mateos. Baixo unha chuvia incesante, os nosos recolleron a premiación como 3º equipo máis numeroso da carreira.
En outra vila veciña, concretamente en Bertamiráns, celebrouse unha das clásicas probas do outono galego: a 10K de Ames. Cativos e maiores completaron con creces as respectivas probas durante unha mañá do domingo en que a chuvia respectou as pretensións dos atletas que procuraban mellorar as súas marcas nesta distancia. Ainoa Gontán fixo o seu dobrate particular na fin de semana cun terceiro posto xeral. Andrea Cores, Shaila Muñiz, Carmen Otero, Amira Simón, Lara Salgado, Carmen del Río, Silvia Fernández, Loly Gómez e Malena Amigo completaron o cuadro feminino. Entre os atletas máis rápidos da proba estiveron Alberto Mariño, Xacobo Crego e Jose Suárez, nun top-30 de moito nivel; acompañados por: David Martínez, Martiño Placer, Manuel Castiñeiras, Iván Solís, Laureano Varela, Fernando Paz, Javier Cepeda, Francisco Méndez, Fernando Rey, Roi García, Alberto Maneiro, Jesus Cabo e Francisco Carneiro.
Os atletas máis novos do club como Martina López, Pedro Méndez, Clara López, Ainhoa Reboiras, Xeila Mateos, Mariña León, Adrián Rodríguez, Xoel Caneda e Alvaro Ríos, tamén portaron o escudo da SD Compostela Atletismo polas rúas da Ames.
A media maratón Gran Fondo de Pontevedra puxo a proba aos nosos nunha distancia de maior esixencia e concentración. Piti Pereira, Pedro Pazos, Segundo Domínguez e Fernando Sesar cumpliron e completaron con moito mérito os 21 quilómetros.
Alejandro Montero foi o representante compostelanista na proba da Carballeira de Ourense dentro do circuito de carreira da cidade das Burgas; namentres Sindo foi o único compostelanista na proba 10k Contra o Cancro Run Run Vigo.
En terras vascas tivemos a Marta Fernández participando no 10k da xa emblemática Total Energies Bilbao Night.
No Campionato de España de Combinadas, 10000m, milla e Pentalón de lanzamentos celebrado en Alcobendas, Madrid, tivemos a Soledad Leiro e Emilio García. Sole acadou o primeiro posto F50 en milla, resultado que lle servíu para ser CAMPEONA DE ESPAÑA E RECORD GALEGO e o segundo posto na proba de 10000 acadando outro RECORD GALEGO. Emilio, pola súa banda, tamén disputou a milla chegou en 8º posto na categoría M45.
A SD tamén resultou gañadora absoluta en Cangas de Foz, onde tivemos a Oscar Bujan, que gañou o V Cross de Os Castros. Para concluir a xornada tamén tivemos representación polas corredoiras e os montes de Carral con Quique Suárez como o único atleta da ESEDÉ na proba.
A vindeira fin de semana chega unha das citas que máis ilusión provoca nos atletas da cidade compostelá; a nosa ben querida e prezada Carreira Pedestre de Santiago de Compostela. Alí estaremos, coma sempre, amosando o noso compromiso co deporte da cidade e ensalzando o valor e a importancia de gozar dun tempo de ocio saudable entre compañeiros, amigos, familiares e veciños.
0 comentarios